Vigo, 19 de Agosto de 2003
Excelentísimo SR. CONCELLEIRO DE CULTURA do Excelentísimo
Concello de Vigo:
Por medio da presente e a través da súa Concellería,
a FUNDACIÓN ENCLAVE ten a ben solicitar ao
Concello de Vigo a inclusión no seu rueiro da figura
de Antón Avilés de Taramancos.
Como ben sabe, este ano o Día das Letras Galegas rende
homenaxe ao noiés Antón Avilés de Taramancos,
un dos poetas galegos máis sobranceiros da segunda
metade do século XX. Mais tamén é de
lei salientar o seu labor político corolario dun compromiso
co País dificilmente superábel. A súa
foi, xa que logo, unha vida debuxada a dúas cores:
poesía e Galiza. Cores que en ocasións eran
fundidos intimamente nun só. Repárese no exemplo:
Miña Patria:
Eu son o teu soldado mais forte.
A túa lingua é a miña espada
e cando debullo unha canción
cando florece unha palabra
canta en min o labrego cavador
o emigrante e o poeta,
o mariñeiro
o home que amasa o pan e moxe o leite,
¡Non son un home: Son un pobo
E ninguén me pode domear!
Poeta, en definitiva, de verso férreo e cristalino,
épico e elexíaco. Avilés de Taramancos
constrúe unha poesía poderosísima, grandiosa
e coral. O amor, a ira nacionalista, a nostalxia imposíbel
do noiés de dous mundos, flúen cunha forza arrebatadora
nos poemas dun home rabiosamente vital que amou sen mesura
a vida, a patria ea liberdade.
É, por tanto, tempo de homenaxear a figura inesquecíbel
para nós de Antón Avilés de Taramancos.
E é por isto que desde o Padroado da FUNDACIÓN
ENCLAVE consideramos que é para a cidade de Vigo unha
honra e, ao mesmo tempo, un compromiso consigo mesma, poder
darlle o recoñecimento póstumo que Avilés
se merece concedéndolle o seu nome a unha rúa
da nosa cidade. Porque un pobo que non recoñece e ensalza
a súa cultura non deixa de ser un pobo pobre.
Ao mesmo tempo, aproveitamos para solicitarlle unha entrevista
formal coa finalidade de plantexármoslle as nosas propostas.
Agardando pois que sexa tomada en consideración esta
demanda nosa, que é ao mesmo tempo de toda a cidadanía
viguesa comprometida coa cultura, a lingua e a identidade
de Galiza, porque tamén fará da nosa cidade
un lugar máis querido e respeitado por todos/as.
Atentamente,
César Pazos Carreiro (667 686 570)
- Alberte Vila González (625 622 206)
Padroado da Fundación Enclave
|