FUNDACIÓN GALEGA SEN ÁNIMO DE LUCRO
 
 
 

MANIFESTO FUNDACIÓN ENCLAVE

A Fundación Enclave preséntase como un instrumento máis para a mellora e o desenvolvemento da sociedade galega: un novo escenario para a reflexión e o coñecemento da nosa realidade. Nos tempos do discurso único e a visión homoxeneizadora que nos tocou vivir, esta Fundación toma como eixo central para as súas actividades a identidade cultural diferenciada do pobo galego. O obxectivo principal é contribuirmos á xeración de canles de participación e de artellamento da sociedade civil galega desde unha visión plural e diversa, rachando coas actuais tendencias uniformizadoras da acción e do pensamento. O debate, a investigación, a educación e a formación continuada son ferramentas que empregaremos ao servicio da transformación do País.
Perante a dinámica do proceso globalizador, Galicia ten que posicionarse dun xeito activo e decidido, tendo dereito e necesidade de reaccionar para aportar ao mundo a súa riqueza acumulada e a capacidade para crear novos bens materiais e culturais. Este proceso aféctalle desde diferentes eidos: cultural, económico, político e social. Neste Manifesto analízase cada un destes planos ofrecendo algunha alternativa que supere a problemática actual.
A cultura é o rostro visible da nosa sociedade, no que se manifesta a súa saúde, a idea que ten de si mesma e a identidade fronte á identidade dos outros. É a boca común que fala unha mesma lingua e a mente colectiva que resolve problemas, contradiccións e conflictos, como tamén soña os proxectos de futuro que a permitan seguir viva sobre a terra, seguir falando, actuando e soñando.
Ante a constante perda de dereitos no referente á libre expresión e ao desenvolvemento das culturas históricas dentro do marco da globalización, a Fundación Enclave propón asumir a responsabilidade de contribuír activamente ao afortalamento, consolidación e desenvolvemento da cultura, ofrecendoá sociedade galega unha plataforma de análise e deseño de estratexias, para poñer ao día a xa tradicional labor cultural co nacionalismo e servir, en definitiva, de espello, voz e estímulo a toda a intelixencia creadora que se está a dar na nosa Nación. Defender a cultura galega é afortalar a dignidade do pobo, é o instrumento indispensable para conseguir unha sociedade que practique as liberdades cívicas e democráticas.
A globalización económica é, en parte, unha tendencia da realidade favorecida polas novas oportunidades tecnolóxicas; en participar, polo crecente peso do coñecemento, da información na vida económica e mais da aparición de tecnoloxías veloces, eficientes, no seu almacenamento e circulación. Pero, sobre todo, esa globalización económica é o envoltorio dun proxecto sociopolítico neoliberal que pretende coarse no esguello, ao amparo da suposta neutralidade e inevitabilidade do proceso en marcha. Nin a globalización é tan global como se presenta, nin esta pode confundirse cun proxecto político conservador que pretende someter toda a vida económica e social ao imperio do mercado e, polo tanto, da lei do máis forte.
O dereito a un emprego digno é un fundamento da vida. Se a ética do traballo se sitúa como virtude principal das persoas, a realidade constata a contradicción de que o sistema económico imposibilita a dotación de traballo para todos e todas, de xeito que unha cantidade inxente de persoas permanecen en paro, caendo na pobreza e na exclusión, feitos que invalidan este discurso ético. Desde a perspectiva da Fundación Enclave o fundamento da vida non está no dereito a traballar, senón no dereito á existencia. A ética está na concepción dos cidadáns e das cidadás como suxeitos que, polo mero feito de existir, cumpren dalgún xeito, unha función social. Tódalas persoas deben disfrutar dunha renda, independentemente do emprego, baseada unicamente na súa condición da ser humano. É dicir, mesmo dentro do sistema capitalista consideramos que é posible acadar proxectos persoais de futuro estable que alomenos permitan unha existencia decorosa a tódalas persoas.
O desenvolvemento dunha dinámica propia de Galicia vese condicionada por dúas realidades concretas ás que se atopa vencellada: o Estado Español e a Unión Europea.
O proceso de integración europea foi promovido e conducido por criterios fundamentalmente económicos, respondendo aos intereses das grandes corporacións europeas. Os Estados foron os axentes que moldearon a forma político-institucional dese proceso de integración e nunca pretenderon renunciar a desempregar un rol político clave. Moitos Estados móstranse temerosos ante a perspectiva dunha federación europea e moito máis dunha federación que puidese chegar a transformarse nunha federación dos pobos de Europa.
Tras o Tratado de Niza, presenciamos a confrontación de dous modos de artellar a Unión Europea. Por unha banda, o denominado modelo francés, que quere manter o papel hexemónico dos Estados-Nación no procedemento de toma de decisións, lonxe de outorgarlle participación neste proceso ás Nacións sen Estado, reservándolles unicamente un papel requítico dentro do denominado Comité das Rexións e das Cidades. Con todo, neste modelo tamén se albisca a recuperación da cidadanía como valor democrático, buscando garantías políticas e sociais aínda non consideradas ata agora.
Fronte ao modelo francés, Alemania presenta unha alternativa federal de construcción europea, baseada tamén na idea de Estados-Nación, pero que abre a posibilidade de que as entidades non estatais rematen por ter capacidade de incidencia na toma de decisións. Asemade procura elementos democráticos tales como dotar ao Parlamento Europeo dun verdadeiro poder lexislativo, de control do executivo e a elaboración dunha Constitución Europea a todos os niveis, defendendo a pluralidade lingüística, cultural e social. Considera necesario o mantemento dos instrumentos que tenden a cohesión socioeconómica e mais a equilibrar o desenvolvemento territorial. En definitiva, defendemos a transformación da Unión Europea nunha verdadeira democracia.
O Estado Español actúa como axente principal da dinámica globalizadora e homoxeneizadora, retrocedendo no recoñecemento da pluralidade das identidades no interior do Estado. A tal fin, utilizan o poder político do executivo dun xeito prepotente, sometendo ao mesmo o poder lexislativo e xudicial. A argamasa deste novo absolutismo pode levarse a cabo polo establecemento do control sobre os medios de comunicación, tanto públicos como privados.
Os medios de comunicación ocupan un papel político central nunha sociedade democrática. Este papel central, que ten a súa orixe histórica e teórica na época da Ilustración incrementouse de forma notable no século XX cos novos medios de comunicación (radio primeiro, televisión despois e Internet agora), pola súa capacidade para chegar a audiencias cada vez máis amplas e, por conseguinte, moldear a opinión pública. Nunha sociedade democrática, o dereito á información reside no cidadán e os medios son os intermediarios encargados de transmitir a realidade do que acontece na sociedade. A misión primordial da prensa é, entón, facilitar ao cidadán toda a información precisa para que poida tomar as decisións máis axeitadas no ámbito político, económico, social e persoal. Dada a enorme influencia que exercen no espacio público, os medios de comunicación deben ter como finalidade a transformación da sociedade. A prensa establece de feito a axenda do debate público e, en consecuencia, non pode ampararse en falsos neutralismos. Esa axenda contribúe a fomentar a igualdade ou axuda a manter inxustizas; serve para democratizar a sociedade ou aposta por manter estructuras caciquís; impulsa os lazos da comunidade ou nutre egoismos individuais. En última instancia, a alternativa da prensa é defender o status quo ou contribuír ao cambio da sociedade. Unha análise dos medios de comunicación galegos demostra que, en xeral, non están a cumprir co papel que lles corresponde nunha sociedade democrática.
Para rachar con esta situación, é preciso adoptar unha serie de medidas co fin de incrementar a liberdade dos medios galegos. Entre elas: o apoio á iniciativa de que o Director Xeral da CRTVG sexa elexido por unha maioría cualificada no Parlamento. Ademais, o Consello de Administración da CRTVG non debería estar copado por representantes dos partidos políticos, senón abrirse a outros representantes da sociedade. As subvencións aos medios privados deberían regularse establecendo uns criterios obxectivos e transparentes. Tamén se rexeitan todas as medidas que, como o proxecto da LSSI, pretendan someter Internet a un control político máis alá da lexislación ordinaria.
A Fundación Enclave é un foro aberto, de pensamento, debate e formación, onde contribuír ao desenvolvemento pleno das potencialidades da Nación mediante o artellamento da sociedade civil e a súa participación plural e democrática. En definitiva, é unha fiestra aberta ao progreso e ao cambio para o benestar do pobo galego.


Santiago de Compostela, 23 de Xullo de 2001

Contacta co WebMaster