| O
sábado 26 de Febreiro tivo lugar a presentación
publica nun céntrico hotel da capital de
Galiza o documento de Bases para un Novo
Estatuto de Galiza, unha vez rematou
o traballo do FORO,
a equipa conformada para tal acometido, composta
por expertos sobranceiros pertencentes a todos
os ámbitos da sociedade galega.
O BNG asume o documento do Foro como ponto de
partida do diálogo coa sociedade para un
Estatuto de Nación.
Descarga o documento definitivo completo aquí.
A seguir destacamos o preámbulo do documento.
PREÁMBULO
AFIRMANDO a nosa existencia
como pobo, explicitada nun feito histórico,
cultural e político de ampla raigame e
singularidade,
AFIRMANDO o dereito
ao noso autogoberno e a determinar o sistema institucional
e o marco relacional no que queremos desenvolver
a vida política e acadar a plena realización
da nosa condición nacional,
AFIRMANDO o noso compromiso esencial e irrenunciábel
coa democracia e co
dereito de todas as persoas e pobos a vivir en
liberdade, O POBO GALEGO E TODOS E CADA UN DOS
CIDADÁNS E CIDADÁS QUE O INTEGRAMOS
dámonos e aceptamos o presente Estatuto,
que constitúe a norma
fundamental e primaria da nación galega,
e base para a relación co Estado español,
coa Unión Europea e coas restantes nacións
e pobos do mundo.
CONVENCIDOS de que o dereito ao autogoberno é
de natureza fundamental, que non pode ser outorgado
nin limitado, os galegos e galegas declaramos
a nosa libre e lexítima vontade de integrármonos
na estructura plurinacional do Estado español,
aceptando un acordo constitucional de interpretación
dinámica, evolutiva e aberta que debe conducirnos
á construcción dun Estado que avogue
por unha Europa dos pobos, na que queremos ser
recoñecidos en total igualdade con todos
os demais países e cidadáns da Unión
Europea.
DECIDIDOS a progresar no camiño desa unidade,
e coa convicción de que esa
unión soamente pode ser froito da libre
vontade dos pobos, os galegos e galegas precisamos
de proclamar conxuntamente a nosa identidade política,
cultural e lingüística, o dereito
a decidir sobre nós mesmos, e a nosa inequívoca
vontade de colaborar na instauración dunha
comunidade internacional que asuma a vivencia
plena da democracia global, legalizada e
institucionalizada, de acordo cos principios inspiradores
da política exterior española e
europea da que democraticamente queremos ser partícipes.
Neste contexto, no que nos sentimos atinxidos
de cheo polos dereitos e garantías establecidos
no Pacto Internacional de Dereitos Civís
e Políticos e no Pacto Internacional de
Dereitos Económicos, Sociais e Culturais,
A VONTADE ESTATUÍNTE DOS GALEGOS E GALEGAS
DECLÁRASE INDECLINABELMENTE VENCELLADA
A TODOS OS AVANCES QUE SE PRODUZAN NA AFIRMACIÓN
DOS DEREITOS HUMANOS, SOCIAIS E POLÍTICOS,
non recoñecendo as posíbeis limitacións
que poideran derivarse dunha interpretación
ríxida ou dunha resistencia política
á reforma e constante mellora dos marcos
constitucionais máis próximos.
Dentro destes principios, o Estatuto de Galiza
quere garantir a liberdade, a xustiza, o benestar
e a seguridade de toda a cidadanía galega
e de cantas persoas vivan ou se encontren no seu
territorio.
Aspira asemade a asegurar a solidaria cohesión
territorial e social do país galego e a
consolidar un Estado de Dereito avanzado, unha
convivencia plenamente democrática, unha
xestión política e administrativa
participativa, eficaz, eficiente e descentralizada,
así como unha orde social e económica
equitativa e xusta á que han orientarse
as políticas dos poderes galegos.
Xa que logo, en uso da súa soberanía
de decisión, o pobo galego ratifica o seguinte
Estatuto de Galiza.
|