UN ESBOZO
DA SUA OBRA
Nacida
na Coruña en 1957, dentro do ámbito
da poesía ten publicados os libros Música
Reservada (1991), Ruído (1995),
Rota ao interior do ollo (1995) ademais
de textos e colaboracións en diferentes
meios, antoloxías, publicacións
periódicas, revistas na web etc. Participa
regularmente en recitais e actos de espallamento
da poesía galega tanto na Galiza como no
exterior.
A súa actividade literaria esténdese
sen embargo a outros ámbitos criativos
dos que podemos destacar o da narrativa, con libros
como Silencio, ensaiamos (1992), as novelas
Teoría de xogos (1997) e As chaves
do tempo (2001) e tamén do teatro,
xénero para o que escrebeu os textos Concerto
para un home só (1989), O representante
(1990), O paseo das Esfinxes (1991) e
As certezas de Ofelia (1999). Licenciada
nas Filoloxías Galego-portuguesa e Hispánica,
tamén se ten revelado como asidua analista
e intérprete da literatura nos libros ensaísticos
O don Hamlet de Cunqueiro: unha ecuación
teatral (1992) e o recentemente publicado
O outro lado da música, a poesía
(1999), no que traza unha orixinal visión
da poesía galega desde o ponto de vista
da relación ancestral desta arte coa música.
Titulada en violino, ten escrito asimesmo artigos
e ensaios sobre estética e comunicación
musical en xornais, revistas etc.
Como intelectual preocupada polo devir da literatura
en xeral e da cultura galega en particular, participa
nas actividades da Asociación de
Escritores en Lingua Galega en calidade
de directiva, coordena a "Área
de Revisión histórica e análise
crítica da cultura" no Foro da
Cultura Galega, para alén de impartir seminarios,
conferencias e publicar numerosos artigos en revistas
periódicas tanto de ámbito galego,
como foráneo entre as que cabe citar, Man
comun, Grial, A Festa da palabra silenciada, A
Trabe de Ouro, Mondo Lusofono, Agalia, Tempos
Novos, Página abierta etc.. Igualmente
é frecuente a súa participación
en actos, recitais poéticos, mesas redondas,
debates e pronunciamentos públicos en favor
da defensa e consolidación da lingua e
a cultura galega como expresión xenuína
de Galiza.
ANTEPROXECTO
DUN MANIFESTO POLÍTICO-LITERARIO
Por
LUISA VILLALTA
Galiza é un libro que non acaba nunca.
Érao até hoxe mesmo, até
esta noite, víspera do Santiago que segue
a ser o Prisciliano da Patria galega, o patrón
dos heterodoxos. O noso patrón. Porque
quen sabe se continuaremos a crer e querer seguir
lendo neste libro inmenso mañá de
mañá , cando despertemos no mesmo
país de sempre, tan rebelde consigo mesmo
por non telo sido nunca a tempo con quen debía?
Leamos: no índice aprécianse treitos
prohibidos, outros en letra pequena, os de letra
cursiva están pasados de moda, quizá
máis que os manunscritos ilexíbeis
da man medieval, tamén hai páxinas
en branco, moitas, e algunhas outras tan esvaídas
como a escuridade dos séculos . Á
parte descoñecida, escrita ou sen escreber,
f általle a acción decisiva dun
oportuno capítulo. A verdade, ser é
Galiza un libro inédito.
Mais até os libros sagrados, canto máis
este tan profano, proxectan sempre un ser humano
para os ler. Empecemos, pois, por falar da leitura.
A leitura reférese á letra escrita,
é certo, pero non parte nen sequer do primeiro
risco trazado sobre unha pedra de Campo Lameiro
ou Mogor. Moito antes e con independencia de que
alguén deixase, a mantenta e para a eternidade,
a pegada dunha mensaxe onde quer que fose, na
pedra labrada, no pano broslado para o rosto dun
morto ou nunha chat de Internet, a terra, esta
terra que non ten vontade senón unicamente
a forza da vida, reúne os elementos que
definen un texto: un conxunto preciso e diferenciado
de sinais. Fóra xa dos repetidos e quizá
nunca suficientemente louvados sinais da paisaxe
galega, manipulada ou abandonada, indómita
ou dócil, permitida ou prohibida segundo
as normativas externas para a explotación
agrícola, sinais son tamén as persoas,
as súas accións, as súas
redes de encontros e desencontros, a vida propagada
no tempo e contra o tempo, a pugna polo territorio,
desde o ponto mínimo que unicamente poden
ocupar uns pés humanos no chan até
o lugar sen soporte material posíbel que
representa a posesión, o poder, a importancia
recambiábel e transferíbel duns
individuos para outros.
Quen ha de ler este texto? Do saco común
das certezas cuestionábeis extraiamos unha
máxima: na poesía fala o autor para
sí mesmo, mentres que na prosa fala para
o mundo. Non costa traballo aceptar tal aseveración,
aínda que só sexa por xogarmos con
ela e reflexionar sobre a natureza deste libro
no que queremos viver.
Para escarnio das palabras ignorantemente aleivosas
de Lope, "tierra nunca fértil en poetas",
é obvio que Galiza comeza pola poesía
e isto, con ser xa moito, non abonda e até
pode ser preocupante. Porque, se comeza pola poesía,
o temor que tememos hoxe en día, agora
mesmo, é de que tamén termine por
ela. Entre os primeiros escritos na lingua que
consolida a Galiza desde o século XII até
hoxe, o texto dun poeta, Soares de Paiva, mostra
que tanta fertilidade como ten fai que a poesía
lle naza o primeiro, no berce mesmo. Tras el viñeron
trovadores e xograis, como se sabe, e até
reis que reinaron como quen trenza leixapréns.
A fertilidade subsiste inclusive na baixa, cando
ninguén xa era quen de poñer por
escrito a experiencia da vida e do traballo das
xentes galegas, os seus soñares e diceres,
as súas disputas e crimes, os seus triunfos
e as súas derrotas. Que fica pois da cultura
da Idade Moderna, na que Europa inventaba a imprensa,
desobedecía a señores, reis e papas,
acuñaba e definía o novo verbo "libertar"?
Poesía. Só fican uns retallos do
que foi ou pudo ser a poesía, un soneto
aquí, unhas décimas alá e
o cantar máis lamentoso que épico
da traizón e morte ao Mariscal Pardo de
Cela.
O resto, un falar ruminado polos dentes da morte,
xeración tras xeración, olvido tras
olvido. O resto, un silencio. E non dicemos todo
isto por facer historia, senón por concluir
que debe ser verdade a premisa da que partíamos,
que como á poesía o proprio autor
lle abonda, desde que a Galiza non ten independencia
nen creto no mundo, non lle queda máis
cousa que escreber que para si mesma, para lamentarse,
para gozarse, para vestirse á moda das
metrópoles, para formular o que lle fica
dentro, para indagar nos seus complexos subalternos,
para esquecer ou endeusar o pasado, para, en definitiva,
dar conta de todo o que ve sen ser vista.
Galiza escrebe o que ve sen ser vista, o que
coñece sen ser coñecida, o que comprende
sen ser comprendida. Por quen? Para quen escrebe
o autor cando non lle abonda ou lle sobra escreber
para si mesmo? Onde está e quen é
ese outro diferente a quen lle oferece a súa
propria vida e a súa propria experiencia?
Acordamos admitir que a prosa traza un camiño
ancho e directo cara ao mundo, cara á zona
próxima ou afastada onde os outros están,
sometendo ao tempo o seu existir. O tempo da poesía
é, aínda que particular, abstracto,
un conceito traído á man pola significación
pontual dun adxectivo, dunha imaxe, dun tema inclusive
como pode ser o descunchado edificio da infancia
ou un esmorecer azul e sen presas. Trátase
dun tempo íntimo do que ninguén
pide contas. O tempo dos outros, en cambio, esixe
implacabelmente acompasamento e verosimilitude.
Con respecto ao mundo, son as novelas as que retratan
o tempo. Os ensaios explícano. O teatro
e os filmes déixano ver. Pero, apesar das
novelas (algunhas), ensaios (menos), teatro e
filmes (case inexistentes), Galiza non ten tempo
proprio, ou se acaso, o seu tempo é un
curso discontinuo que se avulta no pasado e no
futuro, mais que se acaña perigosamente
no presente. Nestas condicións Galiza está
impedida de narrarse a si mesma aos outros, eses
outros que son todos os demais seres da terra
e, para empezar, moitos de noso, habitantes nunha
cidade artificial construída por cima e
a expensas dun país que aínda latexa.
Entendámolo ben. Como reflexo do tempo,
toda acción narrativa implica un cambio,
pero non un recambio. A transformación
por si só xustifica que algo sexa digno
de ser contado. As personaxes viven e as situacións
interesan na medida en que testifican un cambio,
unha mudanza na súa natureza, porque unicamente
dese modo as personaxes, tanto a nivel individual
como en conxunto, se fan donas do tempo, e elas
fánnolo ser a nós, quen queira que
sexamos ou sexan os outros que vivencian o acontecido
através da leitura. Por iso a razón
de ser dos seres humanos, mesmo na épica
dos seu infortunios, mídese por esa única
verificación da existencia: a variación.
Pero o cambio non é un recambio, unha
brecha na continuidade da obra que obriga a andar
a saltos e sobresaltos na leitura, a reacomodar
o código que nos permete sentir que o que
estamos lendo ten sentido.
Cando isto sucede nas obras antigas, axiña
se deixa ver que nese salto existe unha interpolación,
un empalme de varios textos afastados no tempo,
a presencia de varias mans que se axudan mutuamente
a apontoar os estragos do tempo. Nas obras contemporáneas,
en cambio, fillas do mesmo pulso criador, semellante
interrupción da ilazón da mensaxe
é simple síntoma de ineptitude ou
de abandono.
No libro da Galiza moitos dos cambios fixéronse
borrando e substituíndo. Non sería
o peor de todos aquel que conservando a forma
dos menhires dou en convertelos en cruceiros ou
o que, canalizando a derrota e retorno de Tréveris,
reconstruiu un camiño de comunicación
e intercambio cos nosos iguais da Europa. Non,
o proceso de substitución, iniciado, é
verdade, xa cos primeiros síntomas de debilidade
do Antigo Reino da Galiza, acelérase agora,
no presente, motivado sen dúvida por un
novo modo de acción no que os protagonistas,
o pobo que vive, traballa e desexa, como nas novelas
de xénero para venda rápida e consumo
inmediato, non importan como exponentes do ser
humano, senón como simples executores dunha
acción que se xustifica a si mesma. Productivismo
chámase a isto e non é unha novidade
sinalalo aquí e agora. Como tampouco é
novidade que se impoña velar, máis
unha vez na historia, pola reclamación
e salvaguarda do estatus do ser humano, a súa
dignidade, supervivencia e realización,
calquer que sexa a proporción participativa
na acción, desde a "arraia miuda"
que descrebeu Fernao Lopes até o Rei Edipo
de Sófocles, desde as poboacións
indíxenas como a de Chiapas até
o investigador heroico que loita contra a sida
ou o cancro ou o non menos heroico enfermo que
o padece.
Neste desprecio do ser humano é onde Galiza
sucumbe, recambiada ou substituída por
unha plataforma neutra que só pode ser
habitada por autómatas do consumo e o servicio.
Non cambiou a pesca, como tiña que cambiar,
simplemente se reduciu. Non cambiou o agro, simplemente
se substituiu por pequenos satélites de
cidades-satélite das, á súa
vez, risibelmente grandes cidades, satélites
agora dos nada concretos grandes monopolios transnacionais:
unha plataforma modular construída non
en ou con, senón sobre e a pesar dun país
e unha terra vella, paciente e gastada como unha
vaca sen leite.
Pero a terra segue debaixo. Cando no Antigo
Exipto os papiros escaseaban, os escribas borraban
e reutilizaban rolos enteiros para rescreber por
cima novas obras, novas ideas relativas aos novos
tempos. Como desas obras e desas ideas xa ficou
bastante co transmitido por estes e outros documentos
coetáneos, se algún valor teñen
os primeiros é porque no rigoroso tratamento
de borrado foi imposíbel evitar a pegada
incrustada do texto anterior. Tales papiros borrados
e rescritos denomínanse palimpsestos e
son os únicos que permeten recuperar o
interese por algo que no seu momento se desprezou.
Non ben borrada, imposíbel de aniquilar,
a escrita permanece através da nova caligrafía,
dos novos significados. Non cabe dúvida:
Galiza é un palimpsesto.
Mais o que interesa aquí non é
tanto o mito da orixe nen a celebración
dun pasado que nunca foi mellor nen tivo por que
telo sido. Quen sabe se entre as múltiplas
interpretacións posíbeis para o
xeroglífico do futuro non figura a dunha
dinámica e harmónica comunicación
entre o autor e os outros, unha posibilidade de
vermos e sermos vistos, un camiño ao existir
libremente?
Agora ben, na perspectiva dun mundo global que,
despois de saquear a riqueza natural do planeta
e beneficiarse do traballo dos pobos, se propón
agora substituir eses mesmos pobos por módulos
produtivos asépticamente integrados no
marco uniforme dun paraíso mecanicamente
feliz, ante este paraíso artificial ofertado
polos evanxellos do capital através dos
seus evanescentes meios de comunicación
de masas, a simple noción de individuo,
de ser humano naturalmente libre e con dereito
a realizar a súa existencia con referencia
a si mesmo, é pura e simple heterodoxia.
Herexía podería chamarse tamén,
máis só desde o ponto de vista da
defensa dun sistema centrípeto e produtivista
que se defende da heterodoxia (da diferencia,
no seu máis puro sentido etimolóxico)
por temor covarde e desconfianza de si mesmo e
das súas verdades absolutas. Porque ten
razón para desconfiar, ten razón
para temer, xa que non ten poder senón
tan só a forza material proporcionada polos
estados na súa configuración actual,
pero efémera ou destruíbel como
calquer outra cousa de fabricación estritamente
humana.
Na heterodoxia, na interpretación do
mundo de xeito diferente, na pluralidade, na variedade
a todos os níveis da existencia sobre a
terra, no acomodo ás circunstancias particulares,
reside a única perspectiva de supervivencia
natural e humana. Por esa mesma razón só
pode ser heterodoxo o libro da Galiza, o que continuamos
a escreber desde o mesmo momento no que Prisciliano
regresou de Tréveris.
A Coruña, 25 de Xullo de
1998 |