|
Publicamos
aquí unha breve carta recibida estes días
do membro do Consello de Redacción da revista
ENCLAVE, Francisco Xavier Lores, que nestes intres
se atopa de estancia temportal na University
of Minnesota (U.S.A.), continuando co seu
traballo de profesor-investigador de Economía.
To
innovate or not to innovate
Por Francisco
Xavier Lores*
Caros amigos
e amigas de ENCLAVE. Envíovos unhas breves
letras desde a xélida e lonxana Minneapolis
coas miñas matinacións. A severidade
do clima xunto coa falta de contactos sociais
fai que un se concentre no traballo. Poderíase
pensar que esta situación afastate do mundo
e os seus problemas, pero unha vez nas nosas vidas
máis cotiáns aparecen as cousas
importantes.
Dado
que non dispoño de teléfono fixo
nin dun celular estadounidense, para comunicarme
cos meus colegas académicos norteamericanos,
recorro ao Skype. O mesmo Skype permíteme
ver e falar de balde coas persoas que amo e que
están a miles de quilómetros na
Galiza. O Skype é unha desas innovacións
que nos permiten estender o noso radio de acción.
Os individuos toman o que hai aí fora como
un dato e sen maiores reflexións emprégano
para o que precisen. Así muda o mundo.
Cando un grupo de investigadores vinculado á
University of Illinois inventaron o Netscape a
mediados dos noventa, permitiron que Internet
saíra dos pequenos círculos académicos
e militares que a empregaban e comezou un cambio
no mundo. O resto fixérono os millóns
de consumidores individuais que sen moitas reflexións
empregaron masivamente a nova tecnoloxía
para o que lles interesaba. Hoxe Internet é
parte fundamental das nosas vidas. Claro que empregar
o Skype ten outras consecuencias. Pode reducir
o ancho de banda disponibel para outras comunicacións,
pero sobre todo afectará a conta de resultados
das operadoras de telefonía tradicionais.
A nosa miopía de consumidores individuais
tórnase en progreso. Esas operadoras tradicionais
terán que se por as pilas e poñerse
elas tamén a innovar. Que innoven dunha
vez ou que desaparezan.
Mais non son as operadoras de telefonía
os únicos inimigos do Skype. No mundo da
informática existe un xigante chamado Microsoft
especializado en aniquilar innovadores. Microsoft
absorbe toda canta innovación se produce
e a integra no seu sistema operativo. Así,
apoiándose no enorme dominio do mercado
de sistemas operativos, conseguiu frear aos innovadores
de Netscape. Do mesmo xeito agora xa incorpora
a innovación do Skype no seu software.
Con quen o ten difícil Microsoft é
con Google. Google non está fundamentado
nun sistema operativo e iso dificulta a súa
aniquilación por parte do xigante. Neste
caso o inimigo da innovación é a
propiedade intelectual A última innovación
de Google-- Google Books-- está sendo fortemente
acosada polos mesmos que queren que lles paguemos
por cada libro que sacamos das bibliotecas ou
por cada canción que soe nas festas de
Bouzas. Tratan de impedir o progreso apelando
á protección dos dereitos dos seus
“accionistas”.
Aí temos aos inimigos do progreso-innovación:
os monopolios de mercado e/ou intelectuais. Voltando
a ollada a Europa vexo ao goberno español
tentado impedir que unha empresa alemana merque
a outra española. Ao goberno francés
creando unha megaempresa para impedir que unha
empresa italiana merque a outra franco-belga.
Sería para poder facer mellor este tipo
de cousas para o que querían unha Constitución
Europea?
* Visiting Scholar, University
of Minnesota e membro do Consello de Redacción
de ENCLAVE.
|