FUNDACIÓN GALEGA SEN ÁNIMO DE LUCRO
 
 
 

Prepárase unha grande e sentida homenaxe a LUISA VILLALTA

Organizada pola Asociación de Escritores en Lingua Galega, prepárase unha grande e sentida homenaxe, como ben se merece, a Luisa Villalta a celebrar na cidade da Coruña o vindeiro 3 de Outubro ás 12:00 h. no Teatro Rosalía de Castro..

 

Desde aqui queremos lembrar máis unha vez á escritora galega e compañera, outrora membro do Padroado desta Fundación, falecida o pasado 5 de Marzo na Coruña. Foi a súa unha vida adicada incansabelmente á literatura e á cultura galega.

 

Nacida na Coruña en 1957, dentro do ámbito da poesía ten publicados os libros Música Reservada (1991), Ruído (1995), Rota ao interior do ollo (1995) ademais de textos e colaboracións en diferentes meios, antoloxías, publicacións periódicas, revistas na web etc. Participa regularmente en recitais e actos de espallamento da poesía galega tanto na Galiza como no exterior.
A súa actividade literaria esténdese sen embargo a outros ámbitos criativos dos que podemos destacar o da narrativa, con libros como Silencio, ensaiamos (1992), as novelas Teoría de xogos (1997) e As chaves do tempo (2001) e tamén do teatro, xénero para o que escrebeu os textos Concerto para un home só (1989), O representante (1990), O paseo das Esfinxes (1991) e As certezas de Ofelia (1999). Licenciada nas Filoloxías Galego-portuguesa e Hispánica, tamén se ten revelado como asidua analista e intérprete da literatura nos libros ensaísticos O don Hamlet de Cunqueiro: unha ecuación teatral (1992) e o recentemente publicado O outro lado da música, a poesía (1999), no que traza unha orixinal visión da poesía galega desde o ponto de vista da relación ancestral desta arte coa música. Titulada en violino, ten escrito asimesmo artigos e ensaios sobre estética e comunicación musical en xornais, revistas etc.


Como intelectual preocupada polo devir da literatura en xeral e da cultura galega en particular, participa nas actividades da Asociación de Escritores en Lingua Galega en calidade de directiva, coordena a "Área de Revisión histórica e análise crítica da cultura" no Foro da Cultura Galega, para alén de impartir seminarios, conferencias e publicar numerosos artigos en revistas periódicas tanto de ámbito galego, como foráneo entre as que cabe citar, Man comun, Grial, A Festa da palabra silenciada, A Trabe de Ouro, Mondo Lusofono, Agalia, Tempos Novos, Página abierta etc.. Igualmente é frecuente a súa participación en actos, recitais poéticos, mesas redondas, debates e pronunciamentos públicos en favor da defensa e consolidación da lingua e a cultura galega como expresión xenuína de Galiza.

Contacta co WebMaster